O cemiterio de Lugo crea unha zona para lembrar fetos e neonatos
É o primeiro camposanto de Galicia que conta cun espazo destas características
O cemiterio de Lugo é o primeiro de Galicia no que terán o seu espazo os fetos e os bebés acabados de nacer que falecen ao pouco. O xardín dos arrolos é o nome co que se bautizou esta área, pensada para acubillar as familias que viviron unha experiencia deste tipo.
Trátase dun dó especialmente duro e socialmente silenciado. No hospital de Lugo hai un protocolo para axudar a superar esta situación.
Segundo o INE, prodúcense catro mortes por cada 1.000 nacementos, pero segundo a presidenta do Colexio de Enfermería de Lugo é un infrarrexistro, xa que non se recollen os abortos. Para ela este espazo de acougo é moi necesario.
Ao pé dun graffiti alusivo, pequenas figuras dan a opción ás familias de poñer placas nas que plasmar o seu sentir.