Un home de 78 anos aparece morto dentro dunha cuba de viño en Portas
Era veciño de Pontevedra e tiña viñas no lugar
O corpo non presentaba sinais de violencia
Sucedeu arredor das 20:00 horas deste venres nunha casa do lugar de Rial, no concello de Portas. O falecido, de 78 anos e veciño de Pontevedra, estivera pola maña vendimando nunhas viñas da súa propiedade, a uns cen metros da vivenda, que só empregaba como adega.
Horas despois aparecía morto nunha cuba de fermentación do viño. Segundo confirmou a Garda Civil, o corpo non tiña sinais de violencia, polo que a morte puido deberse aos gases provocados pola fermentación do viño ou porque se sentise indisposto antes de caer na cuba.
Ata o lugar desprazáronse os bombeiros de Ribadumia e membros de Protección Civil de Cuntis e do concello de Portas. Agora practicaráselle a autopsia para coñecer as causas exactas da morte.