Un novo río atmosférico podería deixar máis de 40 litros por metro cadrado en Galicia este sábado
A provincia de Pontevedra e parte da da Coruña, en alerta amarela por chuvia
Na provincia de Ourense a alerta será desde as 00:00 horas ás 12:00 horas do domingo
As precipitacións serán especialmente intensas na madrugada do sábado ao domingo, sobre todo nas provincias atlánticas

Galicia vive xa a entrada dun novo río atmosférico, con moita humidade, e que deixará choiva intensa sobre todo durante a madrugada do sábado ao domingo, segundo as previsións de MeteoGalicia.
A provincia de Pontevedra e varios puntos da da Coruña estarán na tarde deste sábado en alerta amarela por choiva.
Segundo Meteogalicia, o aviso comeza ás 18:00 horas desta xornada e estará activo ata as 06:00 horas do domingo. Pola súa banda, na provincia de Ourense a alerta será desde as 00:00 horas ás 12:00 horas do domingo.
As precipitacións poderán ser localmente fortes ou persistentes nas provincias atlánticas, onde poderían acumularse máis de 40 litros por metro cadrado en menos de doce horas.
A humidade aportada polo río atmosférico reforzou a fronte cálida, que deixou máis chuvia da prevista.
— MeteoGalicia (@MeteoGalicia) October 5, 2024
E xa comeza a verse no radar a fronte fría que pola tarde e durante a noite deixará chuvias intensas, polo que moitos lugares apenas terán tregua no día de hoxe. pic.twitter.com/09pwLXlF5H
Así, este sábado Galicia queda influenciada polas baixas presións e unha fronte activa atravesará a comunidade pola noite. Ademais, a Costa da Morte (A Coruña) activará o aviso amarelo por temporal costeiro.
O domingo unha fronte con humidade tropical cruzará Galicia e deixará choivas localmente fortes e mesmo algunha treboada.
As precipitacións serán persistentes e poderían ser localmente fortes en Pontevedra, suroeste da Coruña, noroeste de Ourense e sur de Lugo. Agárdase ademais un lixeiro descenso das temperaturas, tanto das mínimas coma das máximas.
Bo día! Que ben se aprecia o río atmosférico desde o Meteosat! Esa liña de nubes estreita e case recta que que nos atacará nesta fin de semana.
— MeteoGalicia (@MeteoGalicia) October 5, 2024
A característica meteorolóxica será polo tanto a chuvia:
🔹Intermitente ata media tarde
🔹Xeneralizada e máis intensa ao final do día pic.twitter.com/flVHYph7Kf
Desde o 112 fan un chamamento aos condutores para que estremen as precaucións. Recomendan consultar as previsións e evitar imprudencias.
#Avisos112 🟡🌧
— 112 Galicia (@112Galicia) October 5, 2024
🚨 Esta fin de semana choverá de xeito persistente en moitas zonas de Galicia. Consulta a previsión meteorolóxica e evita imprudencias.
Previr é protexer 🫂.#112Galicia #sentidiño pic.twitter.com/ePEvhI2PJ9
O mércores día 9, chegará unha nova fronte que viría producida polo furacán Kirk, que podería situarse preto da Península e afectar Galicia en forma de borrasca.