Un peregrino paga por carta un almorzo vinte días despois de marchar sen pagar
Envía 3,50 euros polo almorzo e 1,50 de propina e descúlpase
A carta ten remite de Benidorm e os donos de Arca Gourmet non o coñecen
"O pasado martes 23 de novembro estiven no voso establecemento almorzando e por descoido marchei sen pagar. Síntoo, que vergoña. Aquí mando 5 euros, 3,50 do almorzo e 1,50 de propina".
É a carta dun arrepentido peregrino que, desde Benidorm, pagou a súa débeda, suponse, despois de facer acto de contrición e darse conta da pequena falcatruada que fixera.
No establecemento do Pino, Arca Gourmet, levaron unha grata sorpresa cando no medio do correo ordinario atoparon a misiva con cinco euros. Era dun peregrino arrepentido que mandaba a cantidade de 3,50 euros polo almorzo e a propina de 1,50. É un pequeno xesto que aquí din fai grande o Camiño de Santiago.
"Queremos agradecerlle a esta persoa o detalle que tivo de escribir e de mandar os cartos, non xa só polos cartos senón polo detalle que tivo coa xente que traballa aquí, porque cada cousa que fan fana con agarimo e para que a xente marche contenta. E por iso queremos agradecerlle o detalle que tivo", di Mariano Aponte, dono de Arca Gourmet.
"Soprendeume todo, un sobre pequeno, dunha cidade estraña onde non coñezo a ninguén, e abrín. Xa me sorprenderon os cartos e despois comecei a ler e sorprendeume gratamente o que lía" di Lourdes Céspedes, dona de Arca Gourmet.
Os donos do local non coñecen o peregrino, pero si que aprecian o seu xesto máis aló dos cartos, polo recoñecemento que fai do seu traballo. Queren poñerse en contacto con el para felicitarlle as festas, agradecerlle o seu xesto e invitalo a que volva polo local. Queren poñer cara a esas letras.