Un posible axuste de contas cun atropelo intencionado deixa dous feridos moi graves
Os implicados neste incidente son curmáns e pertencen a unha familia de orixe romanesa, e o suceso podería deberse a un axuste de contas
Os cristais na calzada son a pegada do brutal atropelo intencionado que sufriu unha muller cando tentaba defender o seu home dos golpes que lle estaban a dar na cabeza cunha barra de ferro varias persoas que os perseguían nunha furgoneta.
Ocorreu nunha estrada que une o polígono industrial de Monforte con Sober. A muller foi atendida, nun primeiro momento, no hospital monfortino, pero ante a gravidade das súas feridas foi trasladada á Unidade de Coidados Intensivos do Lucus Augusti, en Lugo.
Ao parecer, os implicados neste incidente son curmáns e pertencen a unha familia de orixe romanesa, e o suceso podería deberse a un axuste de contas. Todo apunta a que os supostos agresores son familiares dunha rapaza de 15 anos que foi vítima dunha tentativa de secuestro a principios de mes en Vilalba, para forzala a casar cun membro doutro clan.
Un secuestro do que culpan a familia da muller atropelada e do seu home, veciños dun poboado chabolista de Rábade. Malia que a Garda Civil non facilitou ningunha información sobre o acontecido, ao parecer xa se produciu algunha detención. A atropelada permanece en estado crítico e o seu home está grave no hospital de Monforte, cun traumatismo cranioencefálico severo.