Un veciño de Betanzos falece nun accidente aéreo nos EUA coa súa muller e o seu fillo
O home residía en Miami, onde estaba á fronte da escola de pilotos Atlantis Aviation
O sinistro tivo lugar cando intentaban unha aterraxe de emerxencia co seu avión privado

Un veciño de Betanzos faleceu nun accidente aéreo coa súa muller e o seu fillo en Virxinia, nos Estados Unidos, un sinistro en que tamén morreron os dous pilotos da tripulación.
O home residía en Miami onde estaba á fronte da escola de pilotos Atlantis Aviation e viaxaba coa súa familia nun avión privado. O sinistro tivo lugar cando intentaban unha aterraxe de emerxencia no aeroporto Ingalls Field.
A alcaldesa de Betanzos, María Barral, dixo estar consternada por este tráxico suceso, e a través das redes sociais enviou "condolencias á familia e ás persoas achegadas en nome de Betanzos”.
A familia do falecido ten previsto trasladarse este martes desde Betanzos aos Estados Unidos para identificar os corpos e tramitar a súa repatriación.