Un vehículo envorcado nunha nova carreira ilegal no polígono de Vío na Coruña
Os veciños do Novo Mesoiro lamentan que estes incidentes se repitan cada venres
A Policía Local impuxo cen multas ante a concentración de decenas de turismos
Un vídeo do accidente, no que non houbo feridos, fíxose viral nas redes sociais. Os veciños de Pocomaco e O Novo Mesoiro amosan a súa fartura ante as carreiras ilegais que se organizan na práctica todos os venres no polígono de Vío.
Convértese o lugar nun circuíto ilegal e improvisado de carreiras con derrapaxes, motores a todo gas e coas tubaxes de escape libres.
Un dos turismos envorcou nunha das rotondas na noite do venres ao sábado, tras quedar a dúas rodas a gran velocidade. O parabrisas e os retrovisores quedaron esnaquizados polo impacto.
Os veciños de Vío e O Novo Mesoiro quéixanse do ruído dos coches que permanecen ata altas horas da noite no lugar. Aseguran que a situación se repite desde hai oito anos. Para moitos deles, aseguran, é insostible e reclámanlle ao Concello que actúe e que axude para que as carreiras non se poidan celebrar.
Este venres a Policía Local multou cen persoas polas carreiras ilegais en Vío onde se concentraron decenas de turismos. O Concello informa de que colocou un cartel na entrada do polígono para avisar da prohibición de circular cos coches desde o venres pola tarde ata o luns pola mañá.
O 092 tras recibir o aviso da concentración chegou a Vío, pechou o acceso e multou os que alí estaban.