Publicador de contidos

Publicador de contidos

Unha anciá de 87 anos é desafiuzada en Madrid entre protestas multitudinarias e cargas policiais

Unha anciá de 87 anos é desafiuzada en Madrid entre protestas multitudinarias e cargas policiais

Maricarmen abandonou en padiola a casa en que viviu os últimos 70 anos

Arredor dun cento de persoas tentaron impedir o lanzamento apostándose ás portas do inmoble

O Sindicato de Inquilinas denuncia que a policía empregou gas pementa para desaloxalos

 

 

EFE/ Fernando Villar EFE/ Fernando Villar
G24.gal 23/09/2026 13:15

Executado en Madrid o desafiuzamento dunha anciá de 87 anos do domicilio no que viviu os últimos 70 anos. Contra as 13:00 horas Maricarmen abandonou en padiola o seu fogar entre os berros de ducias de persoas que acudiron ata o seu portal para tentar impedir a execución do alzamento.

A Policía Nacional desaloxou un a un a todos os activistas do Sindicato de Inquilinas de Madrid, que denuncian que os axentes empregaron material antidisturbios para dispersalos, entre eles, gas pementa.

A muller tivo que ser trasladada en ambulancia ao Gregorio Marañón 

A avogada da afectada, Beatriz Duro, explicou que o fondo voitre propietario da vivenda non aceptou nin a anulación nin o aprazamento do desaloxo da anciá, que tivo que ser evacuada en ambulancia por efectivos sanitarios do Samur e trasladada ao Hospital Gregorio Marañón de Madrid.

Ademais, a portavoz do Sindicato de Inquilinas, Alicia del Río, rexeitou "a violencia" do dispositivo policial despregado para executar o lanzamento dunha veciña que "xamais deixou de pagar ao seu caseiro" e responsabilizou do desafiuzamento á presidenta madrileña, Isabel Díaz Ayuso, que goberna "por e para os especuladores, para os fondos voitre, para o lucro duns acaparadores que esnaquizan as nosas vidas, como a de Maricarmen".

Por iso, o Sindicato de Inquilinas de Madrid convocou unha concentración na tarde deste mércores ás 19.00 horas fronte ao ático, situado no número 35 da rúa do Xeneral Martínez Campos, adquirido pola empresa Planifica Madrid.

Ademais, a voceira do Sindicato de Inquilinas preguntouse qué van facer as forzas que están a soster ao actual Goberno progresista, que non foi capaz de parar este desafiuzamento nin de dar ningunha resposta contundente.

A Comunidade de Madrid asegura que lle ofreceu unha praza nunha residencia 

O desaloxo de Maricarmen provocou a indignación do Goberno central. A ministra de Vivenda, Isabel Rodríguez, acusa a presidenta madrileña, Isabel Díaz Ayuso, de poñer unha "alfombra vermella" a especuladores e fondos voitre, que "campan ás súas anchas" pola rexión.

A titular de Infancia e Xuventude, Sira Rego, sostén que o desafiuzamento "pode que sexa legal, pero non lexítimo".

O portavoz do Goberno autonómico, Miguel Ángel García Martín, afirma que tanto a rexión como o Concello de Madrid "traballaron de xeito conxunto para poder axudar a esta muller". Segundo explicou, a Comunidade "ofreceulle en dúas ocasións unha praza pública de residencia" .

As distintas administracións teñen desde outubro de 2025 un informe con distintas opcións como a adquisición da casa de Maricarmen ou a expropiación do inmoble, propiedade de Urbagestión, para que pase a ser unha vivenda pública, entre outras.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade