Unha casa de Ordes é desde hai tres lustros un referente no Nadal
Os propietarios decórana por dentro e por fóra con todos os elementos da Pascua
Este ano engadíronlle música, panxoliñas, obviamente
Cando cae a tarde e Charo e Nano prenden as luces de Nadal, é imposible cruzar Santa Cruz de Montaos, en Ordes, pola nacional 550, sen reparar na súa casa.
"Quería a nena vela e viñémoslla ensinar. Está moi ben. Tiña que haber máis así", di un condutor mentres contempla coa súa familia a casa desde o vehículo.
Moitos gozan do decorado desde o coche, pero os propietarios tamén invitan a entrar.
"Sabiamos que decoraban moito esta casa no Nadal e viñemos cos pequenos para vela", explica un home que entrou con tres cativos e varios adultos.
Os artífices desta ilusión aman o Nadal e cada ano amplían a decoración por dentro e por fóra. Este ano introduciron, entre outras novidades, música -panxoliñas, obviamente-, que ademais programaron para que simulen saír das bocas das figuras que adornan a fachada do inmoble.
Charo e Nano fan case todo a man. Empezaron a traballar en marzo e montaron a instalación a primeiros deste mes. Quen o queira ver en directo aínda ten oportunidade ata o sete de xaneiro. Para daquela retirán o decorado, con pena pero xa pensando en novas sorpresas para o Nadal de 2025.