Unha enxeñeira galega participa na coordinación da resposta a incendios na UE
A enxeñeira galega achegou o coñecemento e a forma de traballar do dispositivo galego, non marco do Mecanismo Europeo de Protección Civil
Nesta unidade intégranse durante o verán expertos de distintos países europeos e unha delas foi esta profesional galega adscrita ao distrito forestal IX (Lugo-Sarria)
Concienciar a poboación e adecuar o territorio son claves nesta loita, di Raquel Carreira
A enxeñeira técnica forestal Raquel Carreira, profesional do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais da Xunta no distrito IX (Lugo-Sarria), formou parte este verán da unidade especializada do Centro de Coordinación da Resposta a Emerxencias (ERCC) da Unión Europea en Bruxelas.
Segundo indica a Xunta nun comunicado, Carreira foi a única representante galega neste órgano multidisciplinar que pertence ao Mecanismo Europeo de Protección Civil.
Raquel Carreira participou na avaliación de riscos, detección e resposta operativa ante as vagas de incendios de xullo en Madrid e Castela e León, así como na monitorización de emerxencias en Francia, Grecia e Portugal.
O seu paso pola capital comunitaria permitiulle compartir a metodoloxía e os procedementos técnicos do dispositivo contra incendios que se utilizan en Galicia.
A colaboracion desta enxeñeira galega co Centro de Coordinación de Resposta a Emercencias da Unión Europea coincidiu, ademais, coa formación de 40 bombeiros de Bulgaria en Galicia. En chan galego, no mes de xullo, estudaron as ferramentas de control e a organización de postos de mando empregados pola administración autonómica.
Centro de Coordinación de Resposta a Emerxencias da Unión Europea
O Centro de Coordinación de Resposta a Emerxencias da Unión Europea é o núcleo do Mecanismo de Protección Civil da UE. Neste centro supervísanse os acontecementos en todo o mundo; desde alí garántese que se despregue rapidamente o apoio de emerxencia despois de grandes desastres, incluídos os agravados polo cambio climático, como secas, incendios forestais, etc.
O Centro coordina a prestación de asistencia aos países afectados por desastres, como artigos de socorro, coñecementos especializados, equipos de protección civil e equipos especializados.
Raquel Carreira, enxeñeira téncnica forestal