Unha escopeta para eliminar os niños de velutina máis inaccesibles en Ferrol
Os balotes énchense dun produto que inunda o niño e acaba cos individuos que hai no interior
Os bombeiros de Ferrol dispoñen dunha nova ferramenta para loitar contra a praga de velutinas. É unha carabina. Unha escopeta que cargan con balotes impregnados dun produto que inunda os niños, neutralízaos e acaba coas vespas asiáticas. A arma so se utiliza nos casos de difícil acceso pola altura ou porque non poden usar a autoescada.
O clima suave do outono e inverno favoreceron este ano a supervivencia e expansión das avespas velutinas e iso tradúcese no verán na aparición de numerosos niños.
Os bombeiros de Ferrol están recibindo máis avisos ca o ano pasado e retiran unha media de 8 ou 9 cada día. Para facilitarlles o traballo desde hai uns días dispoñen dunha nova ferramenta. Unha escopeta de balotes.
O bombeiro Carlos Núñez explica o funcionamento da escopeta: os balotes énchense dun produto que inunda o niño e acaba cos individuos que hai no interior.
A escopeta ten un alcance de 100 metros e utilizarase para neutralizar niños situados en lugares inaccesibles. As intervencións sempre se fan por orde de prioridade segundo o risco que represente para a poboación.
Aínda non a estrearon por cuestións burocráticas, pero os bombeiros de Ferrol xa adestran a súa puntería para non fallar cando poidan usala.
Fan un chamamento á colaboración cidadá para que alerten da presenza de niños e non os retiren por iniciativa propia.