Unha explosión de gas nun bloque de vivendas en Navarra deixa nove feridos
Unha nena de 13 anos e un mozo de 22 están ingresados na UCI
250 veciños tiveron que ser desaloxados
O estado en que quedaron as vivendas dá idea da magnitude da explosión. Foi na localidade navarra de Noain, preto de Pamplona, e afectou a 30 portais, uns cen pisos dúplex.
A peor consecuencia foron os feridos: nove persoas, e dúas delas están na UCI, unha nena de 13 anos e un mozo de 22.
A explosión ocasionouna unha fuga de gas, e a Policía Foral e a Garda Civil están investigando de forma conxunta a orixe e as causas.
Douscentos cincuenta veciños pasaron a noite fóra das súas vivendas. A maioría en casas de familiares e veciños, e algúns foron aloxados en hoteis.
As vivendas continúan pechadas. Nas próximas horas vanse cuantificar os danos, e a área quedou precintada sen subministración de gas nin de electricidade.