Unha farmacéutica de Ribadavia triunfa nas redes cantando consellos
Noa Ruíz Lameiras acaba de gañar un premio polo seu labor nas redes sociais; competía contra outras catro mil farmacias de toda España
Na súa conta de Instagram, esta farmacéutica combina dúas paixóns: a farmacia e o canto
A punto de cumprir medio século de historia, a farmacia Lameiras é das máis antigas de Ribadavia, pero tamén das máis innovadoras.
O mérito é de Noa Ruíz, a segunda xeración, que se vale das redes sociais para dar consellos dermatolóxicos cun peculiar estilo.
"Se queres coidar a túa pel, o primeiro que debes facer é limpar con micelar", canta nunha estrofa que adapta o clásico de Julie Andrews e que lle valeu o premio Unnico á mellor idea dixital.
Noa Ruiz Lameiras, Farmacéutica e instagramer: "As farmacias parece que estamos aquí estáticas, sen facer nada, pero os tempos seguen correndo e hai que adherirse ao que vén".
Gústalle cantar e busca referencias tamén actuais, que conecten co público máis novo.
"Como está de moda a Rosalía, Wisin and Yandel e todos estes... pois dixen, imos adaptar esta canción. Ves que a xente reproduce, reproduce, reproduce... Mesmo me din: teño a túa canción na cabeza en vez da orixinal", explica Noa.
Quere, sobre todo, atraer a xente nova: "Porque agora hai moitísimos problemas que ás veces non sabemos detectar e hai que amosarlle interese á xente que vén".
O premio que acaba de recibir, di, é un estímulo para seguir traballando.