Unha invasión de moscas desespera os veciños da parroquia naronesa do Val
Os veciños non poden abrir as ventás nin tender a roupa fóra
Puntuais á súa cita, por cuarto ano consecutivo, as moscas volveron ao Val, no concello de Narón. Unha visita nada desexada polos seus sufridos anfitrións porque cobren fachadas, ventás e portas.
Pero é que amais aproveitan a máis mínima oportunidade para meterse nas casas desesperando os veciños. A día de hoxe aínda non saben de onde sae tal cantidade de moscas.
A experiencia dilles que de cara ao verán, coa calor, o seu problema vaise agravar. Así que eles xa están tomando medidas: precintaron as ventás, colgaron cintas con pegamento nas casas, non soltan os insecticidas, pero din que non é a solución ao seu pesadelo.
Desde o Concello explican que están a facer un seguimento do problema, pero que ata que non se localice a orixe nin poden actuar nin achegarlles unha solución.