Unha muller denuncia que lle mataron os gatos a tiros na porta da casa
Sospeita dalgún dos seus veciños aos que denunciou en varias ocasións
A denunciante, veciña de Cerdedo-Cotobade, asegura ter medo polas súas netas
Impactada polo sucedido, Fina amosa as fotos de Mickey e Estrellita, dous siameses que adaptou hai un ano. Agora alguén os matou a tiros, en días diferentes, e na porta da súa casa.
"Veu o Seprona e levantou acta. Puxen denuncia e chamei tamén á protectora para dicirlles que mos mataran", explica Fina.
Di que xa antes alguén envelenara os seus cans, así que decidiu non calar e dar parte do sucedido. As súas sospeitas recaen nalgún dos seus veciños, aos que denunciou por verteduras e construción ilegal. Ademais, segundo explica, teñen unha finca moi preto en que adestran cans de caza.
"Eu creo máis ben que é pola leira. Botan coellos para adestrar os cans e matan os gatos dos veciños, eu escoito os disparos, polo día hai disparos", asegura.
Ademais do desgusto, Fina di que ten medo.
"Igual que lles deron aos gatos practicamente diante da miña porta poderían darme a min ou ás miñas netas. É unha situación moi difícil".
Agarda deixar de escoitar disparos no seu fogar de Pazos de Borela e poder vivir tranquila na compaña das súas mascotas.