Unha raposa, cliente habitual dun restaurante de San Cibrao das Viñas
Coma se dun cliente máis se tratase, unha raposa acode cada noite a un restaurante do polígono industrial
Empezou con algo de medo, pero agora pasea entre as mesas e converteuse en todo un atractivo
A historia desta raposa empezou case dous anos atrás, cando deu cun sitio en que a cea estaba asegurada.
"Empezou a vir ás agachadas, por debaixo dos coches e entraba na terraza. Tiña a pel moi mal, víase que non estaba nutrido", conta Floren Santos Caseiro, responsable do local.
Desde camareiras a cociñeiros, fóronse facendo cargo do animal, escolléndolle o menú para darlle unha dieta equilibrada e adaptada á súa natureza.
"Dámoslle despoxos da cociña, o 90 % comida natural. Cando limpamos un 'chuletón' ou unha costela, dámoslle desa carne, para non estragarlle o intestino. Non está afeito a fritos".
E así foron gañando a súa confianza. Cada vez se achega máis, paséase entre as mesas e déixase admirar polo resto da clientela.
"Eu, de feito, deille de comer. Moi sociable, pero come e despois marcha. Non quere contacto físico".
"Estivo aí tranquiliño, coma se fose un can", comenta unha parella.
Vén de noite, para a cea, e non falla nunca.
"Antes viña ás doce e media, unha da noite. Pero co cambio horario, que se fai de noite moito antes, ao mellor ás oito pódelo atopar por aquí", explica Floren Santos.
É case unha mascota, pero non lle deron nome por respecto á súa faceta salvaxe.