Unha sentenza libra un barrio de Sarria dunha parella conflitiva
Os seus familiares piden axuda para desintoxicalos das súas adiccións
Trátase dun home de 40 anos e da súa compañeira, de 27, que protagonizaron unha morea de altercados
Os veciños do barrio sarriao de Vigo de Sarria levaban anos sufrindo un calvario debido a unha parella conflitiva. Trátase dun home de 40 anos e da súa compañeira, de 27, que protagonizaron unha morea de altercados
De feito, acumulaban decenas de denuncias por agresións e por roubos nas casas e nos negocios. Entre os afectados, encóntrase a nai dun dos membros da parella, que puido botalos da casa grazas a unha sentenza xudicial. Tamén figura o pai, que reside na vivenda lindeira.
Juan Manuel Vila, pai dun dos membros da parella conflitiva: "Non vou defender o meu fillo, porque non o merece. Tanto el coma a súa compañeira son dous auténticos canallas, non só no barrio senón en calquera sitio. Estes días atrás tiráronlle os dentes a un mozo".
A orde de afastamento que lle impide a parella volver ao barrio fíxose efectiva esta mesma semana. Dende entón, os veciños de Vigo de Sarria aseguran vivir moito máis tranquilos.
Segundo os seus familiares, a conflitividade da parella provén das súas adiccións. Piden, por tanto, axuda para desintoxicalos.
Juan Manuel Vila, pai dun dos membros da parella conflitiva: "A ela había que metela nun centro, porque non está moi ben da cabeza, á parte do alcohol e as drogas. E o meu fillo debíano meter nun centro e desintoxicalo, porque ten 40 anos e non ten porvir ningún".
Malia todo, a parella conflitiva non tiña solicitada ningunha atención social.