Unha vida de traballos na batea sendo muller
Nos anos 80 eran poucas as mulleres que traballaban na batea
Rosa volvería ser bateeira se volvese nacer
Camiño do 8 de marzo buscamos historias de mulleres orgullosas dunha vida de traballo onde elas eran a minoría. Rosa botou preto de 40 anos traballando na batea.
No peirao do Freixo Rosa revisa a última embarcación familiar na que ía traballar á batea. Agora está xubilada pero ata hai pouco aquilo era a súa vida.
Fun ata que tiña 73 anos. Eu ía contenta e daquela era moito máis traballo, e era bruto. Había que facelo todo á man. E cada corda pesa polo menos 200 quilos e había que facelo á man.
E a súa xornada aínda non remataba aí porque tiña cinco fillos e había que traballar fóra e traballar dentro, como di ela. E foron pasando os anos e o traballo que antes facía co home seguiuno facendo co fillo e adaptándose ás novas esixencias.
Eu ía co fillo e eu non saltaba á batea porque tiña o corpo máis pesado. Saltaba el, pero eu atracáballe o barco e mais el ía amarrar cordas á batea e eu subíallas co guindastre.
E sabe ben que a súa escolla foi a correcta e que a batea lle deu a forza e a seguridade de valerse por si.
O mellor é non depender de ninguén. Ti queres facer unha cousa e se podes fala e senón non a fas pero non tes que pedirlle nada a ninguén. Eu se me din tes que volver a facer iso. Volves nacer e tes que facelo. Pois si, volvía!