Unicef convídanos a poñer as lentes azuis para "ver o mundo a través dos ollos dos nenos"
Este Día Mundial da Infancia a presidenta de Unicef Galicia, María Montalvo, presentou na TVG a campaña #SomosInfancia
A CRTVG súmase á XIV semana da Infancia coa que Unicef busca defender os dereitos da infancia mirando o mundo a través dos seus ollos
A CRTVG súmase, entre o 18 e o 24 de novembro, á campaña #SomosInfancia de UNICEF que celebra a súa XIV Semana coa Infancia.
O obxectivo é colocar os dereitos de nenas, nenos e adolescentes no centro da conversa social, das prioridades e das políticas. Para conseguilo, esta organización convídanos a poñer as lentes azuis para defender os dereitos da infancia mirando o mundo a través dos seus ollos.
"A idea é poñelos no centro das conversas, das políticas, e para iso escollemos estas lentes azuis", explicou no Bos días da TVG a presidenta de Unicef Galicia, María Montalvo. Trátase de "poñer as lentes para ver o mundo a través dos ollos dos nenos e así poder promover mellor os seus dereitos fundamentais".
"Nos últimos 50 anos salváronse seis vidas por minuto grazas á vacinación"
Montalvo salientou o papel que xoga UNICEF como valedor dos dereitos da infancia. Esta organización presta axuda directa en 190 países subministrando medicinas, alimentación e achegando material escolar a aqueles territorios máis desfavorecidos.
Un dos "buques insignia" de Unicef é a vacinación. Segundo explicou María Montalvo, esta organización "é un dos principais compradores de vacinas a nivel mundial".
De feito, "máis de 154 millóns de vidas salváronse nos últimos cincuenta anos grazas á vacinación", ou o que é o mesmo,"seis vidas por minuto".
O abandono escolar, a saúde mental e a exclusión social
Outro dos piares básicos de Unicef é garantir o dereito da infancia a unha educación. Na actualidade, 1 de cada 5 nenos e nenas non van á escola e só en España a taxa de abandono escolar está no 14 %. "Son cifras que teñen que reverterse", explica María Montalvo, "por iso é unha das áreas onde traballa especialmente Unicef".
O fracaso escolar medrou coa crise da covid e tamén os problemas de saúde mental entre nenos e adolescentes. Segundo Montalvo, desde a pandemia 1 de cada 4 nenos tivo "un episodio de problemática de saúde mental". "Un dos labores que ten Unicef en España é elaborar informes que centren o foco nos problemas dos adolescentes e a infancia e achegar solucións", explica.
O outro problema é o da pobreza infantil. "A vivenda cada vez é menos accesible, o nivel de ingresos que as familias destinan á vivenda fai que máis de 700.000 nenos estean en risco de pobreza ou exclusión social". Segundo Montalvo, este problema "ten que ser abordado polas institucións para que as axudas cheguen a quen máis o necesita".
Ademais, Unicef pon o foco na situación dos nenos e nenas migrantes. "Estes nenos teñen unha situación de violencia cada día; non teñen posibilidade de acceder a bens esenciais, medicinas e educación".
María Montalvo anima á cidadanía galega a "poñer as lentes azuis" durante esta semana da infancia para ver o mundo "a través dos ollos dos nenos e das nenas".