Uns 400 veciños de Sobrado pasan 24 horas ás escuras por unha avaría sen resolver
Os operarios están buscando a orixe da avaría que deixou a veciñanza de varias parroquias sen luz dende o mércores á tardiña ao xoves
O apagamento afectoulles a varias parroquias da zona rural, onde vive xente maior soa e hai negocios que non puideron traballar
Boa parte de Sobrado quedou ás escuras o mércores contra as oito da tarde e ata onte non recuperaron a luz. Foron case 24 horas nas que tiveron que retroceder no tempo.
"Nin lavadora, nin conxelador, nin nada. Non tiña nada. Nin para facer o almorzo. Grazas que tiña unha cociña de butano aquí abaixo se nón, nin comer podía. Nin tiñamos teléfono, que nos quedou sen batería. Non tiñamos nada! Dixen: 'esto es lo máximo'... E o conxelador cheo", comenta unha veciña.
"Afecta en todo porque hoxe é todo eléctrico", apunta outro veciño.
O apagón afectoulles a uns catrocentos veciños de varias parroquias, na zona rural. No centro non se notou. Como se apañaron?
"Como nos arreglamos? Algo tiña feito e cómese do que hai".
"Cunha cociña de leña que teño e candeas, lanternas... e cunha persoa maior maior que teño na casa".
"Cun xerador arreglei e estivo todo o día funcionando".
Tamén tiraron de xeradores nas granxas, pero algúns negocios pasaron o día case de brazos cruzados.
"Estamos un pouco cabreados porque está todo abandonado. Están as ramas enriba das árbores, está todo no chan e pasamos 24 horas sen luz, chamando e dicíndonos que non sabían cando o ían arranxar", lamenta outra veciña.
Onte á noite recuperaron a luz, pero a avaría segue sen repararse. Non teñen localizada a orixe e un niño de velutinas estalles dificultando o traballo. De feito, non se descartan novos cortes ao longo do día.