Disparan perdigóns desde un coche contra unha cadela ás portas da casa en Santa Comba
Un coche parou de madrugada, chamou pola cadela e disparoulle a curta distancia
A Garda Civil recibiu denuncia polo sucedido e investiga os feitos
Simba é unha cadela que aínda non fixo dous anos, pero xa coñece a peor cara do ser humano. Na madrugada do mércores pasado recibiu un disparo a poucos metros de distancia que lle deixou o corpo cheo de perdigóns. E todo aconteceu diante das cortes da casa dos seus donos no lugar de Salgueiroas, en Santa Comba.
José Antonio Martínez, o dono, explicaba o que lle contaron a muller e a filla que presenciaron os feitos "un coche parou aí en liña da corte, chamaron pola cadela, un asubío baixiño, e ao momento elas sentiron o disparo. Xa viron que non era normal porque ás dúas e media tres menos cuarto da mañá, isto aquí non pasa".
Cando chegaron á altura da cadela atopárona tirada e laiándose. No lugar onde lle dispararon aínda hai rastro dos impactos dos perdigóns no peche metálico. E onde aínda se deixa sentir a agresión é nas feridas da cadela, que está aínda en tratamento pola cantidade de perdigóns que ten no corpo.
Así o explica Mar Carracedo, a veterinaria que a atendeu: "Ten perdigóns como douscentos en todo o que é cabeza, extremidades dianteiras e corpo, pola traxectoria vese que o disparo foi de fronte á cadela".
Aínda ten secuelas, explica o seu dono: "Recupérase pouco a pouco, ten un ollo que a ver se lle queda ben, coxea bastante e comer xa vai comendo algo agora".
Se os perdigóns levasen máis forza poderían ferila de morte. Na clínica deron a voz de alarma entre os clientes, aínda que non lles constan máis casos. Os donos viven coa incerteza de saber por que lles pasou a eles. "Pregúntome eu, se alguén ten algo que mo diga, pero tirarlle así a un can, non é normal", dicía José Antonio Martínez, o dono.
Xa interpuxeron denuncia polo sucedido e a Garda Civil investiga os feitos.