Veciños do Irixo venden 540 décimos en dous días tras gravar un anuncio que se fixo viral
Fixérono para recadar cartos para as súas festas e agora só esperan que o seu número toque
Este ano 2024 os veciños do Irixo están convencidos que a lotería do Neno tocará en Santa María do Campo e mais os da comisión de festas.
Co fin de recadar diñeiro para as celebracións en honra á patroa do pobo, a Claudio Cerdeira e á súa muller, Beatriz Varela, ocorréuselles que sería boa idea adquirir un número para o sorteo de Reis e vender os décimos entre os veciños.
Para motivalos a comprar gravaron un vídeo coa axuda do señor Lisardo, coñecido personaxe do programa Luar da TVG co que conseguiron milleiros de visitas na rede. Foi tal o éxito que os 540 billetes os venderon en dous días.
No vídeo, o señor Lisardo queda durmido na barra dun bar e soña que a lotería que vende a comisión de festas de Santa María do Campo gaña o primeiro premio do sorteo do Neno.
O local onde gravaron o anuncio estivo estes días máis concorrido ca nunca. Agora agardan que o soño de Lisardo se faga realidade.