Un home queda ferido nunha violenta liorta na zona das Burgas de Ourense
Uns veciños da rúa Calpurnia Abana asistiron o home, que estaba gravemente ferido e foi trasladado en ambulancia ao hospital
Un vídeo amosa como tres homes agriden outro con patadas e puñazos
Un home resulta gravemente ferido nunha nova liorta na cidade de Ourense. Un vídeo amosa como tres homes o arrastran e o agriden violentamente con patadas e puñazos. Uns veciños da zona antiga de Ourense asistiron o ferido, que foi trasladado a urxencias en ambulancia.
Rubén e a súa muller baixaban da casa cando atoparon nas escaleiras da rúa Calpurnia Abana un home gravemente ferido. Segundo nos conta, déronlle auga, estaba semiinconsciente e cheo de sangue.
Un vídeo recolle o momento en que tres homes baten no outro, con patadas, puñazos e mesmo cun paraugas na cabeza. Tiña cortes e lesións no pescozo e no brazo, segundo os testemuños.
A Policía Local de Ourense chegou axiña tras a chamada dun veciño. Tamén a ambulancia que trasladou o ferido a urxencias. Os agresores xa fuxiran.
Os feitos aconteceron a plena luz de día e nun lugar céntrico, no xardín que está por riba das Burgas, un dos puntos máis turísticos da cidade.
A veciñanza da zona histórica está conmocionada cos feitos e coa violencia desta última pelexa acontecida na cidade de Ourense.
A Policía Nacional non ten constancia de ningunha denuncia nin ningún detido.