Suecia recupera os libros de texto que abandonara en favor das ferramentas dixitais
No último Informe Pirls, Suecia caeu 11 puntos en comprensión lectora
Subiliña que o formato papel é mellor que o dixital para a aprendizaxe da lectura
Formato impreso ou dixital, como se estuda mellor?
"Eu sempre que teño os apuntamentos no ordenador inténtooos imprimir, porque me gusta o que é traballar, poder subliñar, como que sinto que o interiorizo mellor", comenta unha estudante.
O Goberno sueco acaba de provocar un debate coa decisión de volver aos libros impresos nas escolas co fin de mellorar as estatísticas en comprensión lectora. Agora din que o papel favorece a aprendizaxe. Para algúns pedagogos, o problema non é tanto de formato, senón de contidos e de falta de coñecemento das ferramentas dixitais.
"Eu creo que o problema está fundamentalmente en que existen momentos e situacións que poderiamos categorizar como de descontroladas, de non coñecemento do seu uso, de alumnado que ao mellor estea empregando un número moi relevante de horas", apunta Suso Rodríguez, profesor da Facultade de Ciencias da Educación.
Esa sobreexposición ás pantallas é o que máis preocupa a moitas familias.
"Aínda están medrando e din que, como moito teñen que ter unha hora e media de pantalla, que os libros estean no ordenador, leva a que esteas no ordenador", explica un pai.
O debate está xa na rúa. É un retroceso ou un avance volver ao libro impreso?
"Eu creo que as tecnoloxías están por algo e para utilizalas, e avanzar significa iso, utilizar as tecnoloxías, e tampouco o vexo como unha marcha atrás", reflexiona un rapaz.
"Hai ámbitos nos que está moi ben e noutros nos que ao mellor si que é necesario non un retroceso, senón un avance, á fin e ao cabo porque se aprendes dun erro non é un retroceso", comenta unha rapaza.