Xoán Carlos I volve ao porto de Sanxenxo pero non participa na regata
O rei emérito chegou na compaña de Pedro Campos e falou coa tripulación do Bribón
O rei emérito chegou ao porto de Sanxenxo pouco antes do mediodía, na compaña do seu amigo Pedro Campos, pero non competiu na primeira xornada de regatas da liga española de 6 metros que se disputa na ría de Pontevedra esta fin de semana.
É a súa primeira aparición pública dende o mércores, cando aterrou no aeroporto de Peinador, procedente de Xenebra. Nas instalacións deportivas estivo case unha hora falando coas tripulacións dos veleiros participantes pero, finalmente, non saíu navegar.

O Bribón e o Titia, patroneado por Mauricio Sánchez-Bela, encaran esta segunda serie cos mesmos puntos no alto da clasificación. O Alibaba II de Miguel Lago e o Aida de Francisco Botas son outros dos favoritos ao triunfo.
