O informe "non achega nada" para esclarecer o sinistro, dille a xuíza a un perito do Adif
A maxistrada díxolle ao avogado das vítimas que vía "un tanto inútil" o interrogatorio e que "non é cuestión de estar por estar"
Ismael Martín Maldonado, membro da Axencia Estatal de Seguridade Ferroviaria, admitiu que o estudo se elaborou por mor do "balbordo na prensa"
.png)
O perito Ismael Martín Maldonado, membro da Axencia Estatal de Seguridade Ferroviaria, proposto polo Adif para testificar no xuízo do Alvia, ratificou un informe que, en palabras da xuíz, "non achega nada" para esclarecer as causas do sinistro de Angrois.
En concreto, o informe sitúa España "no pelotón de cabeza" da seguridade a nivel europeo, para o que utiliza indicadores sobre accidentes e outros datos, algúns deles extraídos de Wikipedia, segundo recoñeceu Maldonado.
É un documento que se elaborou entre 2018 e 2022 por mor do "balbordo na prensa", segundo revelou este experto, facendo alusión á comisión de investigación creada no Congreso para tratar de determinar responsabilidades políticas polo accidente do Alvia.
En 2019 declararon nesa comisión os exministros de Fomento José Blanco (PSOE) e Ana Pastor (PP). Na súa comparecencia, Ismael Martín Maldonado defendeu a independencia da Axencia Estatal de Seguridade Ferroviaria, que se creou en 2015 para tratar de garantir a seguridade da rede.
"Houbo un certo balbordo, entón a Axencia decide montar o grupo de traballo (en 2018) co obxectivo de analizar a situación e extraer conclusións", explicou, a preguntas do avogado da plataforma de vítimas do descarrilamento.
"Tardaron catro anos?", cuestionoulle este letrado, ao que este funcionario indicoulle que o grupo se creou en 2018, traballou en 2019 e en 2020 "houbo unha parada" pola pandemia de coronavirus, de modo que os traballos "retomáronse a finais do 21".
No punto no que o letrado da plataforma o interrogaba sobre como é coñecido pola xente este informe, a xuíza lle a apercibido para que "se deixase de cuestións accesorias". O documento "pode servir para xustificar a normalidade de circular con Asfa ou non, pero isto non achega nada ao esclarecemento das causas deste accidente", considerou a maxistrada.
Así, ao ver "un tanto inútil" o interrogatorio a xuíza e subliñando que "non é cuestión de estar por estar", o avogado declinou facer máis preguntas, do mesmo xeito que outras das partes.
En todo caso, a continuación, e á luz do ocorrido, a xuíza advertiu de que non está "a prexulgar o valor do informe nin poñendo unha sentenza". "A min déixanme logo que valore no momento procesual oportuno", puntualizou.
O interrogatorio do fiscal tamén foi breve, e centrouse nas funcionalidades do sistema Asfa, o único presente na curva da Grandeira. É un sistema só de apoio, segundo recoñeceu o perito, aínda que noutro momento asegurou que "tamén protexe" ante algunhas circunstancias.
En todo caso, admitiu que "non é equiparable" nin "comparable" co sistema de seguridade ERTMS, que é o que se retirou do tramo final da liña entre Ourense e Santiago nun cambio do proxecto e tamén o que se desconectou na súa modalidade embarcada.
"Que protección ofrecía o Asfa o 24 de xullo de 2013?", cuestionoulle o avogado que defende ao maquinista na súa quenda. "Non tiña implementada esa función de control de cambio significativo de velocidade", respondeu o perito.
De feito, ata despois do sinistro "non se lle pediu esa función" que si se implantanou despois, e que implica a colocación de balizas que frean o tren en puntos nos que, como na Grandeira, o tren debe afrontar un cambio de velocidade que neste caso era de 200 a 80 quilómetros por hora.
Ás cuestións da Fiscalía, os avogados das vítimas e o do maquinista, Ismael Martín Maldonado constatou que Europa esixe ERTMS para as liñas novas.
As comparecencias de peritos retómanse o vindeiro martes e seguen ata o próximo 8 de febreiro, cando concluirá a parte penal do xuízo dando paso á civil.