Denuncian ataques de cans ao gando en Lugo, con perdas de máis de 8.000 euros
Veciños de Labio atribúen a uns mastíns a morte de máis de 40 ovellas e cabras
Trinta ovellas e trece cabras mortas, ademais doutros tantos animais feridos. Ese é o resultado ata o momento dos ataques atribuídos a uns mastíns por parte da familia propietaria do gando peor parado, residente na parroquia luguesa de Labio.
Segundo denuncian os gandeiros afectados, os mastíns levan tempo atacando as ovellas e mais as cabras que pacen neste lugar do Couto. Afirman que estes cans de gran tamaño non só mataron o seu gando senón tamén o doutros veciños.
Como resultado, os donos dos animais están a sufrir cuantiosas perdas económicas, de máis de 8.000 euros. E, por se fose pouco, aseguran que os mastíns tamén os atacaron a eles mesmos en varias ocasións, e tamén a algún residente máis na zona.
Piden, por tanto, que as autoridades tomen medidas. De non cesaren os ataques, advirten de que podería perigar a viabilidade desta explotación de gando autóctono.