Ánxeles Vázquez, sobre Altri: "Aqueles que instan á manifestación deben deixar de manipular"
A conselleira de Medio Ambiente asegura que a instalación da celulosa en Palas só se autorizará se cumpre con todas as garantías, e ata o de agora os informes están sendo favorables
Pontón advirte a Rueda que o PP “pagará moi cara” a defensa de Altri desde a Xunta
Besteiro reitera a súa "convicción" de que o proxecto non contará con axuda estatal
A conselleira de Medio Ambiente contestaba hoxe no Galicia por diante á manifestación en que milleiros de persoas pediron onte en Santiago que se rexeite a instalación de Altri en Palas de Rei por considerar que tería efectos contaminantes e prexudicaría a actividade gandeira e marisqueira.
Ánxeles Vázquez dixo que se está manipulando a información por parte dos partidos da oposición e dalgunhas das organizacións ecoloxistas, e asegura que a Xunta só vai autorizar o proxecto se cumpre con tódolos parámetros medioambientais.
A conselleira explicou que se solicitaron 26 informes, dos que moitos aínda se están analizando. Con todo, avanza que os que están concluídos cumpren os requisitos: "Os técnicos especialistas na materia, polo de agora, o que din é que en relación ás emisións os parámetros están moi por debaixo da lexislación nacional, europea e dos que nos pide a OMS, que son moito máis estritos. En canto ás verteduras aos ríos, estamos na mesma situación".
Vázquez agarda que a avaliación dos informes medioambientais estea rematada no primeiro trimestre de 2025.
Pontón advirte a Rueda que o PP “pagará moi cara” a defensa de Altri desde a Xunta
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, reivindicou este luns a “histórica manifestación” contra a instalación en Palas de Rei da planta impulsada por Altri e considerou que tamén foi unha advertencia ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que “pagará moi cara” a defensa deste proxecto.
A líder do Bloque comparou a multitudinaria manifestación do domingo coa mobilización do ‘Nunca Mais’, xurdida tras o afundimento do Prestige e que “puxo fin ao ciclo político” do PPdeG a pesar de que pensaba “que o tiña todo atado” no Goberno galego.
A xuízo da nacionalista, coa mobilización contra Altri “os galegos deixaron ben claro que non están dispostos a ter un goberno que traballa a favor” das grandes empresas e que “o PP pagará moi caro a súa traizón a este país se segue adiante” co apoio a este proxecto, ao que pretende dar 250 millóns de euros, segundo argumentou.
Besteiro reitera a súa "convicción" de que o proxecto de Altri non contará con axuda estatal
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, dixo que ten a "convicción" de que o proxecto de Altri en Palas non contará con axudas por parte do Estado, porque non cumpre os criterios de economía circular ou descarbonización.
O líder dos socialistas galegos volveu descartar, do mesmo xeito que fixo en setembro pasado, que Altri poida acceder a estas axudas de fondos europeos e referiuse en concreto ao PERTE de descarbonización, sobre o que manifestou que lle "parece difícil o seu encaixe".
"O proxecto non nos gusta", indicou Besteiro, tras a multitudinaria manifestación onte domingo en Santiago de Compostela contra a intención de Altri dunha fábrica de fibra téxtil a partir de celulosa en Palas de Rei, na que el non estivo presente pero participou unha representación do PSdeG.
Besteiro cuestionou, á parte das cuestións ambientais e sociais, a aspiración da multinacional portuguesa de obter ata 250 millóns de euros de financiamento público para a viabilidade do proxecto. Por iso, instou a Xunta a aclarar "se vai financiar con fondos propios e a través de que mecanismos" este proxecto porque el ten "a crenza" de que, por parte do Goberno, "eses fondos extraordinarios non van chegar".