A Audiencia Nacional investiga a Alvise por un posible financiamento ilegal de partidos
O xuíz José Luis Calama admite a trámite unha denuncia contra el por recibir, presuntamente, 100.000 euros para a campaña das eleccións europeas
O maxistrado ofrécelle declarar de forma voluntaria o próximo 20 de novembro

O xuíz da Audiencia Nacional José Luis Calama, acordou investigar unha denuncia contra o eurodeputado Luis Pérez, Alvise, por un posible delito de financiamento ilegal de partidos por recibir, presuntamente, 100.000 euros para a súa campaña electoral.
O líder de Se acabó la fiesta está aforado ante o Tribunal Supremo por ser eurodeputado. Aínda que o maxistrado precisa no seu auto que a admisión a trámite da denuncia non constitúe un acto de imputación xudicial, empraza a Alvise a comparecer na causa e ofrécelle declarar de forma voluntaria o próximo 20 de novembro. Tamén lle permite comparecer na causa e achegar documentos e dilixencias de investigación.
A investigación a Alvise incluirase como unha peza separada do procedemento aberto sobre unha presunta estafa piramidal levada a cabo a través da plataforma de investimentos Madeira Invest, cuxo fundador, o empresario Álvaro Romillo, foi quen denunciou ese suposto financiamento irregular do político.
O maxistrado apunta que se podería considerar a Alvise como cooperador necesario ou cómplice, "dada a implicación que na denuncia" se lle atribúe "na promoción da actividade presuntamente ilícita levaba a cabo a través da trama financeira xerada arredor de Madeira Invest Club.