Chega a Vigo un veleiro apresado por Vixilancia Aduaneira con máis de 2.000 quilos de cocaína
A embarcación con bandeira polaca foi localizada polo buque de operacións especiais Petrel I da Axencia Tributaria
Cinco persoas de diferentes nacionalidades foron detidas e trasladadas a terra xunto coa droga e serán postas este luns mesmo á disposición xudicial
Coa operación Doncella dáse por desartellada unha rede dedicada a facilitar embarcacións para o transporte de grandes cantidades de droga por vía marítima
A Axencia Tributaria interveu preto 2.100 quilos de cocaína, valorados nuns 20 millóns de euros, a bordo dun veleiro con bandeira polaca localizado a unhas 400 millas das costas galegas e remolcado ata o porto de Vigo, nunha operación que se saldou con cinco detidos.
A embarcación, denominada Seute Deern, partira de Roses (Xirona) e foi interceptada polo buque de Operacións Especiais Petrel I do Servizo de Vixilancia Aduaneira. Na abordaxe acháronse 70 fardos de droga distribuídos en distintas zonas do veleiro, que ía "completamente cargado", segundo indicou aos xornalistas o delegado especial da Axencia Tributaria en Galicia, Miguel Cárcaba.
A operación, denominada Doncella, permitiu ademais desarticular unha rede dedicada a facilitar embarcacións para o transporte de grandes cantidades de droga por vía marítima.
A investigación comezou o pasado mes de febreiro en Xirona, a partir de informacións sobre un veleiro que podería participar nunha operación ilícita na zona fronteiriza entre España e Francia. Os investigadores localizaron a embarcación no porto de Roses en xuño e comprobaron que o 11 de xullo abandonou o porto sen activar o sistema AIS, de uso obrigatorio durante a navegación.
A partir dese momento, e coa colaboración da NCA británica e a DEA estadounidense a través do MAOC-N (Centro de Análise e Operacións Marítimas en materia de Narcotráfico), Vixilancia Aduaneira seguiu o seu rastro ata localizala en augas do Atlántico.
Os catro tripulantes foron detidos e son de nacionalidades arxentina, uruguaia, colombiana e albanesa. Ademais, mentres o Petrel I remolcaba a embarcación cara a Vigo, os axentes procederon en terra á detención dun cidadán chileno establecido na provincia de Xirona, considerado responsable de captar embarcacións con determinadas características para a organización.
Ademais, os investigadores esperan deter proximamente a outra persoa, un español establecido en Barcelona, que presuntamente se encargaba de custodiar as embarcacións e detectar posibles aproximacións das autoridades.
A investigación segue aberta e non se descartan máis detencións, entre elas a dun español con residencia en Barcelona. "É un éxito de moita xente, con moito tempo de traballo detrás", sinalou o delegado do Gobierno en Galicia, Pedro Blanco, ao valorar esta operación antidroga. Blanco felicitou aos funcionarios policiais e os axentes de Aduanas por este traballo que serve para "reivindicar e reafirmar" a "firme loita" do Gobierno nacional contra o tráfico de estupefacientes e o crime organizado.
O delegado do Gobierno sostivo que esta operación envía a mensaxe de que, "desde logo, o noroeste de España non vai ser un lugar onde poida chegar toda esta droga que estamos ultimamente interceptando". O responsable de Facenda en Galicia precisou que "non se coñece o destino da droga", pero congratulouse de evitar que "tivese a mínima opción" de ser distribuída e calculou que o seu valor no mercado alcanzaría os 20 millóns de euros.
Os detidos, que pasarán este luns a disposición xudicial, están acusados de presuntos delitos de pertenza a organización criminal, contrabando e contra a saúde pública, e as actuacións serán instruídas pola Audiencia Nacional.
A Axencia Tributaria considera a operación unha das actuacións relevantes desenvolvidas recentemente contra o tráfico de cocaína na denominada Ruta Atlántica, utilizada por organizacións criminais para introducir droga en Europa mediante embarcacións de recreo.