A Xunta establece os criterios da Axenda 20-30 para a transición enerxética
Nos próximos dous anos destinaranse case 160 millóns a minimizar a factura eléctrica das familias
Apóstase polas enerxías renovables, rebaixar os prezos da electricidade e garantir a competitividade da industria
A Axenda Enerxética marca a folla de ruta do Goberno galego neste campo. Unha das prioridades é redobrar a aposta polas enerxías renovables, para rebaixar os prezos da electricidade e garantir a competitividade da industria. Ata o ano 2024 a Xunta destinará 630 millóns de euros, dos que 159 son para medidas para a eficiencia enerxética dos fogares.
Alfonso Rueda explicou que se "centra especialmente no apoio ás familias, para que fagan un consumo máis eficiente, para que aforren na factura na luz e teñan que asumir menos custos".
No ámbito industrial destaca a creación dun polo empresarial de hidróxeno verde, que vai permitir obter case 100.000 toneladas ao ano desta fonte de enerxía para o seu uso en industria, mobilidade e almacenamento.
Tamén hai iniciativas de descarbonización e mobilidade. "Para impulsar a mobilidade sostible destinamos 144 millóns de euros, para axudas a adquisición de vehículos eléctricos e puntos de recarga", dixo o presidente da Xunta.
O 74 % da enerxía producida en Galicia xa é verde, e a aspiración do executivo galego é chegar ao 86 % en 2030.