A cabalgata de Vigo será estática e con cita previa
Volverá estar situada na avenida de Castelao, onde os reis e os seus paxes permanecerán parados recibindo a vista dos cativos e as súas familias
Haberá tres carrís habilitados para ver as carrozas, dous de acceso con cita previa, xa dende as once da mañá, e un terceiro para aqueles que non reservasen

A situación sanitaria fai que Vigo recupere este ano cabalgata de Reis estática e con cita previa. Volverá estar situada na Avenida de Castelao, onde os reis e os seus paxes permanecerán parados recibindo a vista dos cativos e as súas familias.
Haberá tres carrís habilitados para ver as carrozas, dous de acceso con cita previa, xa dende as once da mañá, e un terceiro para aqueles que non reservasen. A partir desta tarde poderá solicitarse cita para grupos dun máximo de 6 persoas.
Estaba previsto que pola tarde se fixese un percorrido dos Reis pola cidade, ao estilo máis tradicional, pero por prudencia e ante o alto número de contaxios, o Concello decidiu suspender ese percorrido e manter a cabalgata estática na mesma avenida tamén dende as catro e ata as oito da tarde do día 5. Para os nenos confinados, haberá videochamadas das súas maxestades.