A calor e a seca reducen a colleita de castañas ata case a metade
O clima favoreceu a aparición de fungos e vermes no froito
As empresas piden incrementar as plantacións
Poucas castañas, de pouco tamaño e con importantes eivas por causa dos vermes e os fungos. A calor e a seca incidiron do peor xeito posible nesta campaña e a redución na colleita pode ser de máis do 50 % e quedar en arredor de 10 millóns de quilos. Había esperanzas en que as castes autóctonas, que saen máis tarde, salvasen o ano, pero a calor destes días fíxoo imposible.
Malia a escaseza, o certo é que as empresas están a ser moi selectivas co froito. Só se mercan as que presentan boas condicións sanitarias, e chéganse a pagar a 2,50 euros o quilo. Outra cousa é o mercado paralelo, en que apenas hai controis e os prezos non chegan a 80 céntimos. Por iso, os operadores chaman a profesionalizar tanto a produción como a comercialización.
En Galicia hai arredor de 50.000 hectáreas dedicadas á produción de castañas e as empresas cren que é necesario incrementar esa superficie nun 60 %.