A campaña de Nadal do percebe do Roncudo comeza con abundantes capturas, pero de menor tamaño
Os percebeiros apuntan que o prezo será máis elevado do habitual ao escasear o grande
A carón do faro do Roncudo, na Costa da Morte, entre as ondas dun mar picado traballan os percebeiros. Apañan durante a baixamar a cota de percebe permitida. Son as primeiras xornadas da campaña de Nadal e, polo de agora, din estar satisfeitos.
"As mareas son grandes e estamos a traballar ben. Collemos os topes sen problema", comenta Roberto Vidal, presidente da Agrupación de Percebeiros de Corme.
Arriscan para conseguir un dos produtos máis prezados do mar galego por estas datas. Aseguran que hai cantidade, pero o percebe non está a acadar o tamaño desexado.
"Este ano a meteoroloxía non nos axudou. Non están vindo invernos como é o habitual nestas zonas, e o percebe non medrou. Hai bastante percebe medianiño, moita cría e percebe pequeno, pero o que é percebe de calidade e grande escasea", explica Roberto Vidal.
A unha semana das ceas e xantares de Nadal, o percebe, igual que o resto do marisco, sobe cada día de prezo. "Vai ir caro o bo porque hai pouco e tamén o mediano porque é o que hai", conclúe Vidal.
Por diante quédanlles días nos que seguirán a sortear as ondas extraendo á man das rochas as melloras pezas de percebe do Roncudo.