Primeira aparición de Begoña Gómez con Pedro Sánchez despois da súa citación xudicial
Feijóo advírtelle ao presidente que non van calar
Begoña Gómez, a esposa do presidente do Goberno, Pedro Sánchez, asistiu este mércores en Málaga a un mitin do PSOE con motivo das eleccións europeas do 9 de xuño, xusto un día despois da súa citación xudicial como investigada.
É o primeiro acto público ao que asiste Begoña Gómez tras ser citada para declarar como investigada o venres 5 de xullo na causa aberta por presuntos delitos de corrupción e de tráfico de influencias.
Os asistentes ao mitin repetiron "Begoña, Begoña" cando o secretario xeral do PSOE andaluz, Juan Espadas, lle agradeceu a súa presenza.
Gómez sentouse entre o seu marido e a vicepresidenta primeira do Goberno, María Jesús Montero.
Os socialistas pasan ao ataque para evitar que a investigación a Begoña Gómez lle pase factura o domingo. Todos os ministros do PSOE apuntaban hoxe ao PP. Sitúano detrás da imputación á muller do presidente.
"Non teñen outra opción nin a dereita nin a extrema dereita que utilizar o lodo", espeta o titular de Interior, Fernando Grande-Marlaska. A realidade, reitera Óscar Puente, é que "non hai na causa nin unha soa proba incriminatoria contra ela".
Pedro Sánchez non fixo declaracións, pero si falou. Falou, de novo, a través dunha carta. Insiste en que non hai nada detrás desta acusación e que non dará un paso ao lado. Vese vítima dunha "coalición reaccionaria" e denuncia un grande embuste. Feijóo responde e advírtelle que non "imos calar", e lémbralle que os "españois non son parvos".
Do outro lado da mesa do Consello de Ministros non celebran esta reacción do presidente. Isto "non vai de cartas", escribe a vicepresidenta Díaz. A misiva tampouco callou entre os seus aliados habituais. Ione Belarra repróchalle que se queixe agora do que antes sufriron outros partidos e non faga nada.
Na mesma liña pronunciáronse os de Puigdemont. Ironizan con esta nova forma de comunicarse do presidente e acúsano de ser cómplice coa persecución ao independentismo.