Publicador de contidos

Publicador de contidos

A causa do narcosubmarino Poseidón continúa contra un dos sete investigados

G24.gal 18/12/2024 20:59 Última actualización 18/12/2024 21:07

A maxistrada do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 1 de Vilagarcía ordenou que a causa sobre o semisomerxible Poseidón continúe contra un dos sete investigados por se os feitos puidesen ser constitutivos de delito.

A xuíza, segundo informou o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, finalizou a investigación que se abriu a raíz do achado, o 13 de marzo de 2023, na ría de Arousa, do narcosubmarino.

No auto en que dá por concluída a instrución que a embarcación, a maxistrada conclúe que polas súas características e tipoloxía, segundo datos policiais, é das que son utilizadas para a realización de transporte marítimo transatlántico de substancias estupefacientes.

As deteccións de lanchas realizadas polo Sistema Integrado de Vixilancia Exterior, así como o visionado de imaxes de cámaras orientadas ao mar, permitiron concluír que unha serie de embarcacións foron utilizadas para a descarga da substancia estupefaciente que presuntamente portaba a embarcación.

Por iso a instrutora acordou no seu momento a entrada e rexistro da nave dunha empresa na que atoparon embarcacións que, polas súas características, "terían por finalidade a de ser utilizadas para operacións de carga ou transporte marítimo de substancias estupefacientes ou tabaco".

Os datos facilitados polas compañías operadoras das antenas repetidoras que dan cobertura á zona na que se atopa a nave, permitiron coñecer que o número de teléfono do administrador da empresa se atopaba activo nese lugar en diferentes horas durante a madrugada do 12 ao 13 de marzo de 2023.

Unha vez terminada a instrución, a xuíza acordou a continuación das actuacións polos trámites do procedemento abreviado por se os feitos investigados relativos ao administrador da empresa puidesen ser constitutivos dun delito de contrabando pola tenencia de embarcacións constitutivas de xénero prohibido.

Ademais, acordou o sobresemento provisional respecto aos outros seis investigados, tal e como solicitara o Ministerio Fiscal, ao entender que non concorren indicios suficientes da súa participación nos feitos.

A maxistrada deu traslado das actuacións ao Ministerio Fiscal e as acusacións que poidan comparecer para que no prazo de dez días soliciten a apertura de xuízo oral, formulando escrito de acusación, solicitando o sobresemento da causa ou, excepcionalmente, a práctica de dilixencias complementarias.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade