Publicador de contidos

Publicador de contidos

O narcosubmarino achado na Costa da Morte puido participar nunha descarga pouco antes

O narcosubmarino achado na Costa da Morte puido participar nunha descarga pouco antes

As pegadas de neumáticos atopadas nunha praia de Muxia fan sospeitar que a embarcación participou nunha descarga de cocaína entre 24 e 48 horas antes

A embarcación estaba sendo remolcada cara ao porto de Camariñas cando se afundiu parcialmente

A fabricación dun narcosubmarino non é complexa

(EFE/Cabalar)
G24.gal 22/01/2025 10:14 Última actualización 22/01/2025 14:19

Un narcosubmarino foi atopado na mañá deste mércores en augas de Muxía. A Garda Civil abriu unha investigación e a intención é inspeccionar a embarcación no porto de Camariñas. Segundo as primeiras estimacións tería entre uns 15 ou 20 metros de eslora, un tamaño similar a outros narcosubmarinos localizados anteriormente.

Foron os mariñeiros do pesqueiro María Cristina os que atoparon contra as nove da mañá o somerxible aboiando á altura da Punta da Barca, á entrada da ría de Camariñas. Tentaron levalo a porto, pero a mala mar impediullo.

Ademais, a auga que entraba pola escotilla aberta acabou volvéndose un lastre demasiado pesado. “Cando eu cheguei, estaban aí e aí xa se meteu de punta e non se moveu. Estábao levando era un barco pequeniño e chegou a lancha de salvamento, e aí quedou”, conta un veciño.

Tampouco puideron facer nada os expertos do grupo de actividades subacuáticas da Garda Civil. Ao intentar remolcalo, o casco partiu: a popa foise a pique a uns douscentos metros de onde quedou fotando a proa do que ninguén dubida que é un narcosubmarino.

Imaxes do rescate da embarcación (Garda Civil)

No camiño cara a Muxía o somerxible afundiuse parcialmente. Era remolcado polo propio pesqueiro que deu o aviso, e cando se quixo realizar o cambio para que fose unha lancha de Salvamento Marítimo a que se encargase do seu transporte, a embarcación virouse e púxose de punta.

No transcurso das operacións de traslado, o narcosubmarino partiuse en dúas seccións: A proa, que permanece á boia, xa que posiblemente sexa onde se albergan os depósitos de combustible. A popa, que inclúe a sección do motor, afundiuse, debido ao seu maior peso.

A parte afundida non se atopa xunto á sección flotante, e estímase que podería estar a unha distancia de entre 100 e 200 metros.

"É un somerxible que ten uns quince metros de eslora e que, polas características, lembra a outros somerxibles que xa detectamos nas nosas costas e que son usados para o transporte de droga", explicaba María Rivas, subdelegada do Goberno na Coruña.

Rivas explicou que durante o traslado "hai un momento que rompen os cabos e afúndese a pouca profundidade" o que provocou que só unha parte do mesmo queda en superficie.

Todo apunta a que foi abandonado para afundirse despois de cumprir o seu propósito.

Emilio Rodríguez, inspector xefe do GRECO en Galicia, contou que "en principio, parece que está baleiro, feito que significa que a descarga xa se produciu. É un sinal máis do estado da situación respecto ao narcotráfico".

Segundo fontes da investigación, as pegadas de pneumáticos atopadas nunha praia de Muxia fan sospeitar que a embarcación participou nunha descarga de cocaína hai entre 24 e 48 horas.

Este sería o terceiro semisomerxible destinado ao tráfico de drogas atopado en augas de Galicia. O primeiro deles foi localizado en Aldán en 2019 e o segundo na ría de Arousa en 2023.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade