A DXT impulsará un novo carné para conducir a partir dos 16 anos
Ese novo permiso será para vehículos eléctricos de non máis de 400 quilogramos e non poderán superar os 90 Km/h
Tráfico tamén quere dar prioridade á realización dos exames de condución con coches automáticos
A Dirección Xeral de Tráfico (DXT) promoverá os exames de conducir con coches con cambio automático, esixirá o seguro obrigatorio de responsabilidade civil entre os donos de patinetes, acurtará os prazos de renovación do carné entre os condutores máis maiores e impulsará o novo carné B1 para mozos a partir de 16 anos.
Ese novo permiso para conducir a partir dos 16 anos será para vehículos eléctricos con velocidade máxima de 90 quilómetros por hora e un peso máximo de 400 quilogramos.
Ata o de agora estes vehículos só podían conducirse co permiso B, pero con esta medida, que xa se aplica en Francia, preténdese promover os vehículos eléctricos e a mobilidade dos máis novos que non viven en áreas urbanas nas que non hai acceso ao transporte público.
O ministro do Interior, Fernando Grande-Marlaska, xunto co director da DXT, Pere Navarro, anunciaron a medida este xoves durante a presentación da Estratexia de Seguridade viaria 2030.
O ministro apuntou que o 98 % exames de conducir realízanse en vehículos con cambio manual, en tanto que a maioría de vehículos eléctricos cuxa compra se quere potenciar son automáticos, polo que se modificará o Regulamento de Condutores para facilitar o uso destes vehículos.
Tamén se vai regular o uso dos Vehículos de Mobilidade Persoal, entre eles os patinetes eléctricos, a través da Reforma de Regulamento de Circulación para a Protección dos Usuarios Vulnerables, e terán que ter un seguro obrigatorio de responsabilidade civil.
Coa nova estratexia tamén se actualizarán as probas de aptitude psicofísicas dos Centros de Recoñecemento Médico de Condutores, unha norma que non se modificou nos últimos 15 anos.
Entre os cambios que haberá nesas probas psicotécnicas está a redución dos prazos nos casos dos condutores maiores e a ampliación entre os mozos.
Outra medida importante é o uso obrigatorio do airbag para as probas de circulación en moto nos exames de conducir para o permiso A.
Na presentación da estratexia, o responsable de Interior dixo que grande obxectivo reducir á metade os mortos na estrada ao finalizar a década: de 1.755 de 2019 a non máis de 877 vítimas.