A eurocidade Chaves-Verín quere converter o río Támega no seu eixe vertebrador
Os alcaldes das dúas vilas queren captar fondos para desenvolver un plan estratéxico ao longo desta década

Nun contexto de alerta pola seca prolongada en boa parte da Península, a eurocidade Chaves-Verín pon a vista na auga como eixo vertebrador do territorio, no que investir os recursos nos próximos anos. Concretamente no Támega, que atravesa a eurocidade e ao que queren converter nun motor económico, turístico... e nun referente ambiental.
Durante a presentación este martes do plan estratéxico ata 2030, os alcaldes de Chaves e de Verín anunciaron toda unha serie de proxectos para captar fondos centrados no aproveitamento dos recursos hídricos e na súa protección nun contexto de cambio climático.
Cada dez anos, o río Támega perde entre un dez e un quince por cento de caudal. Preservar o recurso vital da auga nun panorama xeral de escaseza e convertelo, ao mesmo tempo, nun motor económico é o que promove a eurocidade Verín-Chaves como plan estratéxico para a esta década.
"A través do río queremos firmar os dous territorios nas dimensións turísticas, económicas, ambientais, pero sempre coa auga como recurso central", di Nuno Vaz, alcalde de Chaves e presidente da Asemblea da Eurocidade.
A eurocidade abrangue un territorio de 50.000 habitantes cunha área de influencia duns 140.000. O plan estratéxico que acaban de presentar pretende captar cartos para dinamizar unha zona cada vez máis despoboada e avellentada a través de programas coma os PERTE do Goberno ou o programa Life de acción polo clima, da Unión Europea.
"Esta colleremos dez ou quince, a seguinte igual, na outra igual nada..., pero do que se trata é de que cada peza vaia sumando e non desfacendo o que fixo a anterior. A auga é un recurso fundamental para todo e iso é o que tratamos de garantir con estes proxectos", asegura Gerardo Seoane, alcalde de Verín e director executivo da Asemblea da Eurocidade.
O plan contempla desde o saneamento integral do río a unha reordenación do territorio en base ao aproveitamento dos recursos hídricos.