A explosión dun transformador eléctrico en Santiago deixa centos de veciños sen luz
Os bombeiros advertiron os veciños que pechasen as ventás e que non saísen debido á alta toxicidade do fume
O sinistro inutilizou o transformador eléctrico da rúa de Santa Comba, no barrio de Vista Alegre, desde as oito e media da maña
A explosión dun transformador eléctrico no barrio compostelán de Vista Alegre deixou centos de veciños sen luz este xoves á mañá. Tras a explosión os bombeiros deron ordes aos veciños para que pechen as fiestras debido á alta toxicidade do fume.
Mentres tanto os equipos de emerxencia traballan no lugar e os técnicos da compañía eléctrica afánanse en reparar a avaría.
O #112Galicia ten constancia deste incendio ás 8:30 horas.
— 112 Galicia (@112Galicia) December 19, 2024
📍 Rúa de Santa Comba, Santiago.
➡️ Os equipos de emerxencias traballan no punto xunto co persoal da compañía eléctrica para resolver a situación.
🔗 https://t.co/qT0DaOrISi https://t.co/JBd6onufCl
Unha vez extinguido o lume e disipada a fumareda rebaixouse esa alerta por toxicidade. Non obstante, os locais comerciais e de ocio que hai na zona seguían pechados e sen luz.
Naturgy estima que uns 500 usuarios eran os que permanecían sen subministración eléctrica.
A veciñanza lembra que desde hai tempo vén pedindo o cambio de localización do transformador sinistrado polo risco que supón pegado a un edificio de vivendas. Unha desas residentes dicía que viviron un bo susto.
Marina Martínez Quintáns, que vive no edificio máis próximo ao transformador eléctrico sinistrado incidía esta mañá no pedimento de que cambien de sitio o transformador despois das horas de tensión que viviron este xoves: "Nervios. Agora, ben. Pero non queremos isto (o transformador) no edificio. Queremos que o saquen".
Explica que "sobre as oito e vinte escoitamos unha primeira explosión e xa vimos que saía fume. Chamamos á policía e en menos dunha hora estaba explotando todo. Moito fume, moito ruído e moito medo. Veu a Policía e díxonos que quedaramos na casa e que pecharamos todo. O que pasa é que case ninguén o fixo, por que xa nas casas estaba a cheirar a fume".
O xefe de Bombeiros de Santiago, o sarxento Xabier Villar, que estivo á fronte da dotación que interveu nese sinistro, dixo que foi un incendio que non tivo maiores complicacións que a de agardar a que cortaran a electricidade do transformador para que puideran intervir os bombeiros:
"Xerou moito fume. Moita alarma. Pero nin o incendio nin polo risco foi demasiado grande. o que si, chamou moito a atención", concluíu.