A Garda Civil de Lugo detén tres integrantes dunha rede especializada en estafas a congregacións relixiosas
A Garda Civil de Lugo detén tres integrantes dunha rede especializada en estafas a congregacións relixiosas
Os delincuentes realizaban unha análise nas redes sociais, permitíndolles ter información para suplantar os superiores xerárquicos desas comunidades
Atopáronse afectados por varios puntos da xeografía española

Unha investigación levada a cabo polo Equipo de Investigación Tecnolóxica da Policía Xudicial da Garda Civil de Lugo, bautizada como operación Congregatonium, permitiu identificar tres persoas, integrantes dun grupo criminal especializado en estafas a congregacións relixiosas.
O artífice e líder do grupo recrutaba “mulas de diñeiro” que eran inmediatamente substituídas por outros individuos cando o engano era descuberto, polo que podía manter as súas “operacións delituosas sen interrupcións”.
Estas “mulas” poñían á disposición da trama contas bancarias abertas en diversas entidades españolas e actuaban como intermediarios nas operacións ilícitas, a cambio dunha comisión polo diñeiro que sacaban en caixeiros automáticos para entregarllo ao xefe da organización.
Previamente, os supostos estafadores realizaban "unha análise exhaustiva" en redes sociais, publicacións e noticias en fontes abertas de Internet e así, grazas a esa información, dispoñían de datos suficientes para suplantar a persoas que ocupaban niveis xerárquicos superiores ás súas potenciais vítimas.
Os estafadores contactaban telefonicamente, gañando a súa confianza, e facéndose pasar por eses altos cargos e solicitaban o envío de determinadas cantidades de diñeiro, en función da situación económica de cada congregación, causando graves prexuízos ás comunidades.
A investigación permitiu identificar tres dos integrantes do grupo criminal, residentes nas provincias de Madrid e Toledo, e tamén que hai congregacións relixiosas afectadas polas estafas noutros puntos de España.