Os carburantes e os alimentos frescos fan repuntar a inflación en maio ata o 8,7 %
Os prezos subiron e maio catro décimas máis que en abril
En Galicia a inflación chega ata o 9,6 %, cinco décimas máis que o mes pasado e case un punto máis que a media do Estado

A inflación situouse en maio no 8,7 %, catro décimas por encima da de abril. Na repunta, influíu o encarecemento dos carburantes e dalgúns alimentos frescos como cereais, lácteos, ovos e carne, segundo confirmou este venres o Instituto Nacional de Estatística (INE).
O dato de maio está 1,1 puntos por baixo do pico de marzo, cando o IPC chegou a alcanzar o 9,8 %, a súa taxa máis alta en case 37 anos.
Pola súa banda, a inflación subxacente, a que non ten en conta os alimentos frescos e a enerxía, aumentou cinco décimas en maio, ata o 4,9 %, a taxa máis elevada desde outubro de 1995.
Peor comportamento dos prezos en Galicia
En Galicia os prezos tiveron un comportamento aínda peor que no conxunto do Estado. A inflación subiu en maio ata o 9,6 %, cinco décimas máis que en abril, e nove máis que no total español, case un punto porcentual.
So nos primeiros cinco meses do ano, os prezos incrementáronse en Galicia un 4,9 %.
O que sobe en maio
O transporte foi o produto que máis empuxou a inflación en maio, cun aumento interanual do 14,9 %, dous puntos máis que en abril, debido ao maior encarecemento dos carburantes e lubricantes.
Tamén tiraron á alza da cesta de compra no pasado mes os alimentos e bebidas non alcohólicas, cun incremento do 11 % -o máis elevado desde que comezou a serie (1994)-, destacando o maior encarecemento do pan, cereais, leite, queixo, ovos e carne.
Creceron con forza tamén os prezos dos hoteis, cafés e restaurantes, cunha inflación do 6,3 %, debido ao encarecemento da restauración.
E o que baixa
Á baixa dos prezos tiraron en maio a vivenda, aínda que cunha taxa interanual do 17,5 %, debido ao descenso dos prezos da electricidade e do gasóleo para calefacción.
Ese dato pode resultar curioso, precisamente porque o mercado enerxético é un dos que máis tensionou os prezos nos últimos meses, pero o feito de que se moderasen nos últimos meses e comparando coas fortes subas do ano pasado, o efecto na inflación é de moderación no mes de maio.
Tamén se rexistraron rebaixas nos prezos no lecer e a cultura, polo abaratamento dos paquetes turísticos. E non todos os alimentos incrementaron os prezos. Os legumes e hortalizas abaratáronse.
O que máis subiu no último ano
Se botamos a vista ao que subiu no último ano, pódese ver como a calefacción, a iluminación e a distribución de auga se encareceron un 32,1 %; os aceites e graxas elevaron os seus prezos un 44,7 %; os ovos son un 25,3 % máis caros; e o transporte persoal costa un 15,3 % máis polo maior prezo dos carburantes.
Ademais, moitos alimentos rexistran subidas de dous díxitos nos seus prezos, como o leite (+16,5 %) e os cereais (+16,3 %).
O efecto da variación nos impostos
O Índice de Prezos de Consumo (IPC), sen ter en conta as últimas variacións de impostos, situaría o aumento interanual no 9,6 % en maio, case un punto máis que o IPC xeral.
En concreto, o prezo da electricidade se non se tivesen en conta as últimas variacións de impostos sobre o mercado enerxético subiría ata o 49 %. A rebaixa de impostos, principalmente a que afectou ao IVE da luz, deixa ese incremento nun 30,2 %.