A Indicación Xeográfica Protexida Pan Galego chega ao mercado
14 panaderías comezan a vender pezas amparadas pola nova certificación
A IXP garante que é un pan artesanal feito con fariña de trigo do país
Non sempre o que se vende como pan galego é pan galego. Para evitar a fraude e poñer en valor o pan tradicional do país, nace esta nova certificación, a Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Pan Galego.
"Hai tendas en Madrid ou Barcelona e multinacionais que conxelan o pan e din que é o pan galego, aproveitan a boa sona. Coa IXP certificamos agora que é un pan de Galicia feito con produtos de Galicia", di Benigno Cervela, un panadeiro da Estrada inscrito na IXP.
O pan amparado na IXP precisa levedar con masa nai e cocer lentamente durante horas na pedra. Ten que levar, como mínimo, un 25 % de fariña de trigo autóctono, un cultivo que volve ao agro da man dos panadeiros.
"Ten que ser trigo do país, das variedades Callobre ou Caaveiro, ten que moerse nun muíño certificado e o colleiteiro tamén ten que estar inscritos na IXP, como os panadeiros", matiza Benigno.
O resultado, un pan de sabor intenso e lixeiramente acedo, crocante por fóra e esponxoso por dentro. Unha receita artesanal que non admite conxelación previa. Os consumidores teñen clara a diferenza: "Home, ten outro gusto, sabe a pan"; "Sabe ao pan de antes".