A levada permite combater a seca dos eidos desde hai séculos en Oia
É un sistema de regadío comunal que colle auga no río Tamuxe
Os veciños encárganse do seu mantemento e de facer o repartimento horario para que ninguén quede sen auga
En Burgueira, unha parroquia de Oia, os veciños reparten a auga de regar de xeito mancomunado desde hai séculos. Cada día tócalle a un barrio e cada casa ten o seu horario. Así conseguen que veráns de seca coma este ninguén quede sen horta nin millo.
Ninguén recorda que tempo ten a levada, un sistema de regadío que colle auga no río Tamuxe e a reparte polos eidos de Burgueira. Cada ano ao chegar o san Xoán a veciñanza xúntase para limpar o rego que os abastece.
"O rego leva feito non se sabe cantos séculos. O traballo que facemos cada ano é limpar este rego que hai. Desde pequeniños vai empezando a xente, e unha vaille ensinando a outra. Falo desde pequena", conta a señora Carme, a de máis idade que segue limpando a levada.
O calendario de regadío respéctase escrupulosamente, e cando alguén non abre o caneiro na súa hora perde a vez.
"Tápase, métenselle uns terróns e non se deixa ir a auga cara abaixo. Bótala para a túa leira para regar", explica Camilo.
"Cando vimos facer o rego faise un sorteo con dous paus, un máis grande e outro máis pequeno. O que saca o grande tena o primeiro domingo e o que saca o pequeno tena o segundo", conta Carme Alonso.
"Á nosa casa tócalle o sábado, cada quince días".
"Cada día hai tres cuartos horarios: o da mañá o do mediodía e o da noite. E empeza o da mañá cando nace o día.
Ao longo do verán hai que facer o mantemento para que non escape a auga.
"Hai un buraco aquí! Hai que meterlle terróns para taponalo e listo!".
"Os que ían regar viñan polo rego adiante tapar os caneiros que facían os ratos e as toupas. A xente relacionábase e contaban historias".
Coa seca deste ano a tradición mantense, pero cada vez queda menos xente na parroquia que teña ansia do seu regadío.