Coa sementeira adiada pola chuvia, non haberá pataca de Coristanco ata agosto
Coa terra enchoupada os produtores non plantaron pataca de cedo
A pataca de cedo plántase desde mediados de abril a mediados de maio para apañar en xullo, pero por Bergantiños non se ve nin un só tractor labrando na terra. Está mollada dabondo para cultivar nada.
Como o resto de labregos, os produtores de pataca de Coristanco agardan á semana que vén para comezar a sementeira. Daquela, as previsións meteorolóxicas xa non dan auga e, segundo nos conta Juan Sanjurjo, presidente da Asociación de produtores de Pataca de Coristanco, "van traballar sen parar desde pola mañá ata a noite"
E é que a pataca ten que sementarse coa terra ben seca para que non se compacte e evitar as pragas. "O maior problema é que ao facer unha masa despois cando seque queda todo unha bóla en vez de esfariñada e cando vén a seca escacha e por esas escachas poden entrar bechos", explica Sanjurjo.
Nestes momentos levan entre o 50 e o 60 % plantado de pataca. O maior problema foi ao principio que tardou moito en escampar, chovía de máis para plantar a pataca de cedo. Non inflúe nos prezos pero si na chegada ao mercado.
"Como empezamos a plantar fai un par de semanas coa escampada, plantamos moito, non paramos eses días e ata principios de agosto non haberá pataca de Coristanco", aclara o produtor.
Haberá que agardar pois ata aquela para consumir o tubérculo bergantiñán, incluído na Identificación Xeográfica Protexida Pataca de Galicia.