A TVG renova o seu compromiso co Mundial de Motocrós
Por quinta temporada consecutiva retransmitirá todas as probas do MXGP
O vigués Rubén Fernández agarda estar entre os mellores
A primeira cita será o 2 de marzo en Arxentina
Por quinta temporada consecutiva a Televisión de Galicia retransmitirá o Mundial de motocrós (MXGP). Despois do éxito de Jorge Prado nas dúas últimas edicións e de enganchar moitos afeccionados ao deporte das dúas rodas, a TVG seguirá apostando malia a ausencia do lugués, que compite esta temporada no Supercrós dos Estados Unidos. Si que estará entre os mellores o vigués Rubén Fernández. A campaña anterior non puido rodar ao seu mellor nivel pola grave lesión de xeonllo que o tivo apartado dos circuítos ata o mes de agosto, pero este ano quere loitar polo podio.
Vanllo poñer moi difícil as estrelas deste espectacular circo do motor. Tim Gajser e Jeffrey Herlings serán os favoritos, con Febvre ou Renaux buscando a sorpresa. Entre eles quere meterse Rubén para demostrar a súa calidade como piloto.
O campionato constará de vinte probas e comezará o 2 de marzo na Arxentina. Unha das citas máis especiais para todos os amantes do deporte en Galicia chegará o 11 de maio co Gran Premio, que se disputará en Lugo por segundo ano.