A UE crea a nova Tarxeta Europea de Discapacidade, que asegura condicións especiais e trato preferente
A UE crea a nova Tarxeta Europea de Discapacidade, que asegura condicións especiais e trato preferente
Será recoñecida en toda a Unión Europea para acceder ás condicións especiais de que gozan os nacionais do lugar de destino
Tamén se realizará unha mellora da Tarxeta Europea de Estacionamento

Os negociadores do Parlamento Europeo e do Consello chegaron a un acordo político este xoves para crear a nova Tarxeta Europa de Discapacidade, pensada para reforzar os dereitos de quen a posúa cando viaxe dentro da Unión Europea.
Deste modo, garantirase o seu acceso a condicións especiais e un trato preferente, como por exemplo no transporte ou ao asistir a espectáculos.
Esta tarxeta emitirase nun prazo máximo de 60 días e deberá ser recoñecida en toda a Unión Europea como título para acceder ás condicións especiais de que gozan xa os nacionais do lugar de destino. Esta incluirá os servizos públicos e privados, como transporte, eventos culturais, museos, centros deportivos ou parques de atraccións.
O carné será expedido polas autoridades nacionais competentes e completará ou substituirá as tarxetas ou certificados nacionais existentes, e por tanto seguirán sendo as autoridades nacionais as competentes para conceder o status de persoa con discapacidade.
A Tarxeta Europea de Discapacidade deberase facilitar en formato tanto físico como dixital e os provedores de servizos deberán informar en formato accesible das condicións que se ofrecen aos titulares da tarxeta.
A revisión da normativa comunitaria permitirá tamén unha mellora da actual Tarxeta Europea de Estacionamento, que terá un formato común en toda a UE. Esta substituirá ás tarxetas de estacionamento nacionais para as persoas con discapacidade e será recoñecida en toda a UE.
No caso da tarxeta de estacionamento, deberá ser expedida nun prazo de 30 días, aínda que os eurodeputados avogan por incluír a opción de solicitar unha versión dixital dispoñible en 15 días.
Tanto a tarxeta de discapacidade como a de estacionamento deberán incorporar un QR para evitar falsificacións.
Esta normativa, que aínda está pendente do visto e prace do pleno da Eurocámara e do Consello para ser adoptada formalmente, dará un prazo de dous anos e medio aos Estados membros para adaptar as súas lexislacións nacionais e tres anos e medio para aplicala.