A UPG pide maior pluralidade no BNG, "afastada de calquera tentación presidencialista"
"Sabemos que unha forza que traballa contra o poder e todos os seus medios non pode avanzar apenas con marketing e accións performativas de imaxe", indica a UPG
Consideran que se pode ver a existencia de varias candidaturas como un síntoma de "normalidade democrática nunha organización frontista e plural", pero tamén subliñan que é evidente que unha lista única e unitaria lanzaría unha mensaxe "potente" dun BNG "unido"

A Unión do Povo Galego (UPG) avogou por unha dinámica interna "máis colectiva e coral" no Bloque Nacionalista Galego (BNG), "afastada de calquera tentación presidencialista", por considerar que o contrario é "incompatible co carácter asembleario e democrático da fronte".
No texto, a organización asegura ser "moi consciente" da importancia no momento actual da comunicación e dunha "acertada estratexia neste ámbito", pero incide na necesidade de máis traballo organizativo.
"Sabemos que unha forza que traballa contra o poder e todos os seus medios non pode avanzar apenas con marketing e accións performativas de imaxe", indica a UPG, que fai fincapé na necesidade de traballo organizativo, social, institucional e da batalla das ideas.
"O necesario coidado e perfeccionamento da comunicación política debe operar sobre o activo labor na sociedade e sobre un discurso decidamente soberanista", engaden.
Nun comunicado colgado na súa páxina web, a UPG sinala que a súa presenza na candidatura que agrupa a maioría da anterior dirección e lidera Ana Pontón "debe entenderse como un acto de responsabilidade" pero tamén como "garantía de que sexa cumprido o compromiso de que a nova dirección funcionará sobre a base do diálogo, a negociación e o consenso" e de que será reactivado o papel do Consello Nacional como órgano de dirección do BNG.
Aposta por unha candidatura unitaria
Neste sentido, consideran que se pode ver a existencia de varias candidaturas como un síntoma de "normalidade democrática nunha organización frontista e plural", pero tamén subliñan que "é evidente que unha lista única e unitaria", pola que aseguran apostar, lanzaría unha mensaxe potente dun BNG unido e con capacidade de integrar todas as correntes e sensibilidades, "a imaxe dun BNG máis forte e unido".
"Lamentamos, por tanto, que esa vontade integradora que a UPG defende desde o inicio non fose suficientemente compartida para dar lugar a unha candidatura máis plural e unitaria". Por iso, comprométese a impulsar todos os esforzos necesarios e seguir traballando ata a propia Asemblea Nacional para lograr un acordo final que a faga posible.
En todo caso, animan á militancia a que participe activamente na cita e lembra que as grandes decisións que definiron as liñas de traballo do BNG e a súa estratexia foron sempre tomadas colectivamente pola militancia na asemblea.
"Ese debe seguir sendo o camiño", apunta a UPG, que asegura ter a convicción de que a XVIII Asemblea servirá para que o nacionalismo continúe o camiño definido que terá que levar a novos éxitos políticos e á conquista do obxectivo final da soberanía de Galicia.