A vaga de calor en España bate marcas na vila de Figueras con 45 graos
Trece comunidades autónomas estiveron este martes en alerta por temperaturas extremas
Cataluña, as illas Baleares e Aragón chegaron aos 43 graos nos seus termómetros
Boa parte de España segue abafando de calor. Trece comunidades continúan este martes en alerta por temperaturas extremas que nalgúns puntos xa chegaron aos 43 graos. E por isto precisamente a ONU advertiu de que o mundo necesita prepararse para unhas vagas de calor que se prevén cada vez máis intensas.
As comunidades autónomas máis afectadas son Aragón, Cataluña e as illas Baleares, cuns termómetros que marcaron 43 graos, aínda que a marca da xornada bateuna a vila de Figueras, en Xirona, con 45. Con estas cifras, conciliar o sono polas noites é complicado e polo día faise difícil mesmo andar pola rúa.
Nalgúns lugares como Mallorca ou Valencia, a sensación térmica roza os 50 graos por mor dunha humidade moi alta. Traballar nestas condicións é case imposible, mesmo antes da hora punta.
As praias seguen sendo a mellor opción para os que non queren quedar na casa co aire acondicionado durante as súas vacacións. Así de ateigadas están na costa de Valencia, Alacante e de gran parte de Andalucía.
En Granada os turistas pasan as colas para entrar á Alhambra e outros monumentos como poden, debaixo do paraugas para tornar o sol ou mollándose de medio corpo. No País Vasco e Cantabria as temperaturas non acadan esa calor abafante pero aínda así non o levan ben.
En Pobra de Seabra as mínimas da xornada sitúanse sobre os oito graos, sendo agora mesmo a envexa de gran parte do país, que terá que soportar a vaga de calor como mínimo ata o mércores.