Aviso vermello no litoral por ondas de ata doce metros
Nivel vermello nas provincias da Coruña e Pontevedra por mar combinado do noroeste con ondas de 8 a 10 metros aumentando temporalmente de 10 a 12 metros
AEMET advirte de que en Lugo e Ourense hai alerta amarela por neve que acumulará 10 centímetros en 24 horas por encima dos 1.000 metros

Galicia manterase na influencia da profunda borrasca Herminia, centrada ao oeste de Irlanda, o cal supoñerá sucesivas liñas de inestabilidade. Segundo a previsión de MeteoGalicia, espérase unha xornada de ceos nubrados con chuvascos localmente tormentosos que poden vir acompañados de saraiba.
Galicia activou o nivel vermello nas provincias da Coruña e Pontevedra por mar combinado do noroeste con ondas de 8 a 10 metros aumentando temporalmente de 10 a 12 metros, mentres que en Lugo o aviso é laranxa (risco importante) por ventos do oeste ou suroeste de 62 a 74 km/h (forza 8), ocasionalmente de 75 a 88 km/h mar de dentro (forza 9), e ondada aumentando de 5 a 7 metros.
Así mesmo, AEMET advirte de que en Lugo e Ourense hai alerta amarela por neve que acumulará 10 centímetros en 24 horas por encima dos 1.000 metros e aviso, tamén amarelo, en toda a comunidade, salvo Ourense, por refachos de vento de ata 80km/h.
E a pesar das advertencias de afastarse das zonas costeiras, para evitar riscos innecesarios, esta mañá na Coruña, moitos saltaban o precinto que pechaba as praias.
Tamén en Muxía o vento está a bater con forza dende primeira hora da mañá. E o que aínda nos queda porque nas próximas horas a situación seguirá a ser complicada no mar, pero tamén en terra.
A cota de neve descende aos 700 metros
A cota de neve descenderá progresivmente ata os 700 metros cara á noite e as temperaturas sufrirán un lixeiro descenso. Haberá acumulacións superiores aos 10 centímetros de neve nos Ancares, A Fonsagrada e tamén en zonas altas do Courel, Terra de Trives, Valdeorras e Viana.
O vento soprará de compoñente oeste forte con refachos moi fortes e ondas por encima dos 7 metros.